Imprimir esta páxina
08
Agosto

Arbo volve converterse na "Capital Mundial da Lamprea"

A primeira quincena de agosto, a vila de Arbo volve converterse na Capital Mundial da Lamprea, produto que cautivou ao longo da historia padais tan selectos como os de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Castro Viejo


Este ano a Festa da Lamprea Seca celebrará a súa XXII edición o 13 de agosto na xa tradicional "Carballeira de Turbela". Durante todo o día poderase degustar nos postos habilitados este manxar nas súas diferentes variedades, asada, rebozada, rechea, acompañada dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, mentres se goza das diversas actividades que propiciarán un ambiente festivo apto para todos os públicos.

 

Entre as actividades que terán lugar ao longo desta xornada, destacan a Festa da bicicleta, a Feira de artesanía e antigüidades, a actuación dos reputados grupos da vila... e como fin de festa, o II Festival de Cantos de Taberna, que o ano pasado na súa primeira edición, obtivo unha gran acollida e recoñecemento. Por suposto, non pode faltar a visita obrigada ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, "Arabo", situado fronte ao recinto, que permitirá, a locais e foráneos, coñecer mellor os principais signos de identificación do municipio.

 

A primeira Festa da Lamprea Seca tivo lugar no ano 1996, sendo concelleiro de cultura o actual alcalde, co obxectivo de dar continuidade á promoción desta delicia gastronómica, poñendo en valor estoutras formas de preparar a lamprea fóra de tempada, que permiten, desta maneira, degustala durante todo o ano.

 

Alvaro Cunqueiro, no seu artigo publicado en abril de 1975, con motivo da XV Festa da Lamprea,  que cando el non podía asistir a Arbo a degustar a lamprea, dicía: " E quédome sen Arbo, sen as súas cordiais xentes, sen os amigos que van facer a festa á lamprea e cos que quixese charlar e ao seu lado comer.... Porque estar en Arbo na festa da Lamprea, é estar nunha festa"

Modificouse o Martes, 08 Agosto 2017 22:59
Valora agora
(0 votos)